Thursday 02 de May de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo regulamento de casinos de xogo na nosa comunidade


Mediante este decreto, os casinos matriz poderán ter unha sala adicional noutra cidade da súa provincia, sempre e cando as súas instalacións non superen o 80 por cento da súa superficie

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo Regulamento de casinos de xogo da nosa comunidade, que entrará en vigor dentro de 20 días, e que entre outros aspectos, regula a apertura de salas adicionais as xa abertas en cada provincia.

O regulamento consta de seis títulos e un preliminar, no que se recolle a creación e regulación do ‘Rexistro de Casinos de Xogo’, no que se dará publicidade aos aspectos máis relevantes deste tipo de establecementos e dos elementos de xogo presentes nestes. Estruturase en catro seccións: Empresas fabricantes e importadoras, Empresas titulares de casinos de xogos, Casinos de xogos e Material de casinos de xogos. Cada sección, a súa vez, disporá de subseccións para inscribir as autorizacións que, segundo este novo regulamento, lle correspondan a cada tipo de empresa e os efectos da inscrición.

Regulación das salas adicionais
Esta norma, regula tamén as chamadas “salas adicionais”, cuxa apertura é posible agora en Galicia grazas a unha modificación feita polo Goberno galego a través da Lei de medidas fiscais e administrativas. Estas salas poderán autorizarse a cada un dos casinos co condicionante de que se ubiquen na mesma provincia pero nunha cidade diferente. Ademais, non poderán superar o 80 por cento da superficie da zona destinada a xogos no casino matriz.

Tamén se recolle neste título un apartado relativo á admisión ás salas de xogo, poñendo o maior énfase posible en que se impida o acceso aos menores de idade e a aquelas persoas inscritas voluntariamente no “Rexistro de prohibidos” da Xunta; e recóllense unha serie de garantías de para os usuarios como son a expedición de tarxetas de entrada, a información para o público e a existencia dun libro de reclamacións.